Thursday 02 de May de 2024

Rueda destaca o labor da Xunta á hora de bonificar o prezo de venda de todo o seu chan empresarial


― Lembra que esta medida fixo posible a adxudicación de máis de 3 millóns de metros cadrados de solo a 613 empresas e un investimento directo superior aos 850 M€ de 2015 a 2023

― Asegura que se seguirán desenvolvendo actuacións que permitan dispoñer de 8 millóns de metros cadrados de superficie industrial en 2028

― Salienta que o solo público empresarial da Xunta será a custo cero durante os primeiros oitos anos de actividade

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno autonómico por facilitar a creación de riqueza na comunidade, sendo, desde 2015, a única administración pública en Galicia que bonifica, entre un 30% e un 50%, o prezo de venda de todo o chan empresarial da súa propiedade.

Así, ata o pasado ano, esta medida fixo posible a adxudicación de máis de 3 millóns de metros cadrados de solo a 613 empresas, o que supuxo un investimento directo superior aos 850 millóns de euros e a creación de preto de 7.500 postos de traballo. Para o presidente da Xunta en funcións.??

Así o destacou Rueda nunha visita na que estivo acompañado pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, ás obras de urbanización da fase C do parque empresarial de Morás, en Arteixo. En concreto, esta terceira fase está pensada para ofrecer parcelas máis pequenas, de maneira que non só as empresas con maior capacidade poidan gozar de todas as vantaxes que ofrece este espazo.

Para Rueda, a creación de chan industrial en polígonos como Morás “é un magnífico síntoma, xa que se hai que facer chan industrial é que se necesita, e polo tanto esa Galicia potente que queremos facer entre todos sigue medrando.” Nesta mesma liña, subliñou que “unha comunidade que non ten industria, que non fai o posible por seguir crecendo, o que vai facer é retroceder”.

Neste sentido, o titular do Executivo autonómico en funcións asegurou que se seguirán a desenvolver actuacións que permitan ter planificados e con posibilidade de estar dispoñibles 8 millóns de metros cadrados de chan empresarial en 2028, “primando aqueles lugares onde é necesario para seguir crecendo”. Ademais, lembrou que o solo público empresarial da Xunta será a custo cero durante os primeiros oitos anos de actividade.